Edificios que deben pasar o Informe de Avaliación no 2016 en Pontevedra

Edificios que deben pasar o Informe de Avaliación no 2016 en Pontevedra

A vixente ordenanza de Informe de Avaliación de Edificios do Concello de Pontevedra, publicada no BOP nº 66 de 9 de abril de 2015, establece a obriga de facer Informe de Avaliación “ás edificacións sitas no termo municipal de Pontevedra, calquera que sexa a clasificación e cualificación do solo no que estean situadas e con independencia do seu uso, tipoloxía ou destino (residencial, industrial, comercial, oficinas, dotacional etc), sempre que se atopen nalgún dos supostos que de seguido se relacionan:

  1. Edificacións declaradas BIC, catalogadas ou inventariadas por estaren incluídas, en desenvolvemento do Plan Xeral de Ordenación Urbana de Pontevedra, no Catálogo de edificacións e elementos a conservar da cidade e do rural, aprobado definitivamente polo Pleno de 28 de abril de 1994, -ou nas súas modificacións posteriores-, no Catálogo do Plan especial de protección, reforma interior e conservación artística do conxunto histórico-artístico (PEPRICA), aprobado polo Pleno do 27 de febreiro de 2003, -coas súas modificacións posteriores- referido ao eido do centro histórico de Pontevedra declarado conxunto histórico artístico por Decreto de data 23/02/1951, as incluídas como edificio catalogado do Plan especial de Estribela; e, en xeral, tódalas incorporadas, ou que no futuro se incorporen, ao Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia situadas neste termo municipal.
  2. Edificacións que posúan, a 28 de xuño do 2013, unha antigüidade superior a 50 anos contados dende a súa construción ou rehabilitación equivalente.
  3. Restantes edificacións a medida que cumpran os 50 anos de antigüidade ou sexan declaradas BIC, catalogadas ou inventariadas aos efectos da Lei de patrimonio cultural de Galicia por se incluíren nos catálogos referidos nas alíneas anteriores ou nos catálogos de inmobles a conservar que no futuro se poidan elaborar e aprobar.
  4. Calquera edificio cuxos titulares pretendan acollerse a axudas públicas co obxecto de acometer obras de conservación, accesibilidade universal ou eficiencia enerxética, que deberán contar co informe de avaliación de edificios con anterioridade á formalización da petición da correspondente axuda.

Segundo o calendario disposto na disposición adicional primeira da ordenanza, as edificacións de tipoloxía residencial de vivenda colectiva construidas antes do 31 de decembro de 1953 deberán realizar Informe de Avaliación do  Edificio antes do 31 de decembro de 2016.