O regulamento electrotécnico de baixa tensión RD 842/2002 prescribe respecto das instalcións existentes que a súa seguridade deberá ser comprobada por un organismo de control autorizado, segundo o que determine a correspondente instrucción técnica nestes apartados:
- As instalacións e modificacións, reparacións ou ampliacións de instalacións que deberán ser obxecto de inspección inicial, antes da súa posta en servizo.
- As instalacións que deberán ser obxecto de inspeccións periódicas.
- Os criterios para a valoración das inspeccións, así como as medidas que deberán adoptarse como resultado das mesmas.
- Os prazos para as inspeccións periódicas.
Neste sentido, a Instrución Técnica Complementaria ITC-BT-05 Verificacións e Inspeccións, determina:
Inspeccións.
As inspeccións poden ser iniciais e periódicas.
Serán obxecto de inspeccións iniciais a execución, ampliación ou modificación das seguintes instalacións:
- Instalacións industriais que requiran proxecto, cunha potencia instalada superior a 100 kW.
- Locais de pública concurrencia.
- Locais con risco de incendio ou explosión, de clase I, excepto garaxes de menos de 25 prazas.
- Locais mollados con potencia instalada superior a 25 kW.
- Piscinas con potencia instalada superior a 10 kW.
- Quirófanos e salas de intervención.
- Instalacións de alumeado exterior con potencia instalada superior a 5 kW.
Serán obxecto de inspeccións periódicas, cada 5 anos, todas as instalacións eléctricas en baixa tensión que precisaron inspección inicial (as sinaladas anteriormente), e cada 10 anos, as comúns dos edificios de vivenda cunha potencia total instalada superior a 100 kW. Neste punto compre sinalar que por potencia total nos edificios de vivenda enténdese a potencia conxunta das vivendas e zonas comúns, aínda que a inspección exércese exclusivamente sobre a instalación das zonas comúns.
Polo tanto, as comunidades de propietarios de edificios de viviendas cunha instalación eléctrica conxunta superior a 100 kW teñen obriga de facer inspeccións periódicas da instalación eléctrica das partes comúns cada 10 anos. O incumprimento desta obriga comporta a lóxica responsabilidade civil e penal para o titular da instalación, neste caso a comunidade de propietarios, sendo unha infracción grave segundo o artigo 31.h da lei 21/1992, de 16 de xullo, de industria, con sancións entre 3.001 € e 90.000 € (500.0001 e 15.000.000 de pesetas). Tamén comporta a exclusión das coberturas dos seguros de responsabilidade civil suscritos polas comunidades de propietarios.