Plan renove de fiestras 2017

Plan renove de fiestras 2017

A Xunta de Galicia convoca novas axudas destinadas á rehabilitación dos ocos acristalados da fachada, tanto no referente ao acristalamento como aos marcos ou perfís, co fin de acadar melloras significativas na demanda enerxética do edificio e os conseguintes aforros en termos económicos, tanto para vivendas unifamiliares como para edificios de vivienda en réxime de propiedade horizontal.

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Son subvencionables:

A renovación de fiestras que formen parte da envolvente térmica do edificio pola compra de novas fiestra sque cumpran coas seguintes especificacións técnicas:
a) Dispor de marcación CE conforme a norma UNE EN 14351-1:2006+A1:2011.
b) Exixencias mínimas de eficiencia enerxética:
1ª. Opción A: carpintaría de madeira ou PVC e acristalamento que cumpra algún dos seguintes requisitos:
A.1. Dobre acristalamento con cámara de 12 mm ou superior para vidros normais.
A.2. Dobre acristalamento con cámara de 6 mm ou superior e con cristal baixo emisivo (con emisividade menor ou igual a 0,1).
2ª. Opción B: carpintaría metálica con rotura de ponte térmica de 12 mm ou superior con dobre acristalamento con cámara de 6 mm ou superior e con acristalamento baixo emisivo (con emisividade menor ou igual a 0,1).
En todo caso, a instalación destas carpinterías deberá cumprir coa exixencia mínima establecida no Código técnico da edificación que corresponda e segundo o disposto na Orde FOM/1635/2013, do 10 de setembro, pola que se actualiza o Documento básico DB-HE «Aforro de enerxía», do Código técnico da edificación, aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo.

A renovación consistirá na substitución dunha fiestra existente por outra de igual ou inferior tamaño.

Será subvencionable a colocación dunha nova fiestra paralela á existente (dobre fiestra), sempre e cando esta nova fiestra satisfaga os requisitos enerxéticos citados.

Tamén será subvencionable a renovación de portas que separen estadías calefactadas do exterior, sempre e cando cumpran coas especificacións técnicas deste artigo e teñan marco por todo o perímetro.

Considéranse custos subvencionables a retirada das fiestras existentes, a fabricación das novas fiestras e a súa instalación, sempre e cando veña detallado na factura.

Non son gastos subvencionables:

  • Os cerramentos acristalados que se instalen coa finalidade de pechar ambientes exteriores (terrazas e/ou tendedeiros).
  • Ocos acristalados non situados na fachada como, por exemplo, as fiestras tipo velux.
  • As fiestras que estean nas particións interiores das vivendas.
  • Os gastos relativos a actuacións que xa foran obxecto de subvención nas anteriores campañas deste Plan.

BENEFICIARIOS

Poderán ser beneficiarios as persoas físicas propietarios ou titulares de calquera dereito sobre inmobles do sector residencial e as comunidades ou mancomunidades de veciños, sempre que a actividade se realice en Galicia.

Estas axudas son compatibles con outras axudas para a mesma finalidade, sen que en ningún caso o importe da subvención supere o 100% do investimento subvencionable.

PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

Dende o 1 de marzo para os propietarios de vivendas ou comunidades de propietarios.

CONTÍA DAS AXUDAS

A contía da axuda ascenderá a un máximo de 100 €/m2 de oco, cuns límites de 3.000 € por vivenda unifamiliar/piso. Para o caso de comunidades de propietarios ou edificios de vivendas, a axuda máxima será de 3.000 € por vivenda unifamiliar/piso, co máximo de 50.000 € por edificio.

A subvención non poderá ser superior ao 25% do custo total da obra.

Máis información: ORDE do 27 de xaneiro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, relativas ao Plan Renove de fiestras, así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para a anualidade 2017 (códigos do procedemento IN412A e IN412B).